Construción e destrución da cidadania societaria: dinámica social e política da provincia de lugo na ii república e nos primeiros anos do franquismo (1930-1950)

Tesis doctoral de Antonio Somoza Cayado

O presente traballo estuda para o caso da provincia de lugo a etapa da segunda república enmarcada no desenvolvemento da democracia liberal en españa ao longo do primeiro terzo do século xx; a creba dese contexto polo golpe de estado e posterior guerra civil e imprantación dun réxime autoritario cunha orientación totalitaria. O período 1930-1950 é unha fase de cambio brusco entre dous sistemas políticos radicalmente distintos, que se procura observar dende a óptica da construción social dinámica da cidadanía; enmarcada nas análises das vagas democratizadoras na historia universal contemporánea, obxecto e perspectiva de estudo que ten un apoxeo nas últimas décadas na investigación aplicada nas ciencias sociais. trátase de analizar o contexto expansivo da democracia no sistema da restauración, coa conformación dun marco de recoñecemento de dereitos e liberdades que establece as condicións para a expansión da sociedade civil. Neste período, o artellamento de entidades e movementos sociais de variada índole que están a incorporar ao exercizo da cidadanía plena a novos grupos sociais, que van ser partícipes dun escenario colectivo no que o societarismo exerce unha función de aprendizaxe política para a reivindicación e a práctica de dereitos e deberes. Isto permite o xurdimento de novas elites que asentan a súa rede de influencias nesta experiencia e nos principios formulados na mesma: estase a conformar unha cidadanía societaria, que ten coma base a intervención na sociedade civil. Nesta sociedade dinámica emerxe unha nova clase media que ten as súas orixes xustamente nesa forma de actuar. a participación no asociacionismo voluntario de todo tipo que se vai creando entre a aprobación da lei de asociacións (1887) e o golpe militar contra o sistema democrático republicano (1936) dá lugar a unha aprendizaxe política da reivindicación e exercizo de dereitos e deberes, tanto no aspecto formal coma no material; logrando ver como se forma consciencia cidadá sobre a base do activismo societario. abránguese o fenómeno asociativo dende unha perspectiva global, caracterizando as tipoloxías de asociacións e pretendendo rastrexar a actuación destes grupos a nivel xeral en distintos eidos de intervención na esfera pública: a conformación de colectivos, nivel de imprantación e influencia en distintas zonas da provincia, formas de organización, relación con outros grupos e incidencia electoral, política e institucional, presentación de conflitos e accións reivindicativas. para a abordaxe deste estudo faise necesaria, primeiramente, unha aproximación ao termo cidadanía e ás súas concepcións teóricas para determinar o grao de aplicabilidade do mesmo e definir o enfoque máis atinado dos resultados da investigación. o presente estudo apóiase no eido conceptual na socioloxía relacional, fixando, pois o centro de atención nas relacións entre indivíduos e grupos coma mecanismo de conformación e consolidación de novas elites. Eis a explicación da aplicabilidade do concepto de cidadanía societaria, definido por p. Donati a partir da teoría das elites de v. Pareto, recollendo aportacións previas de g. Mosca e r. Michels nos seus estudos sobre a chamada clase política e a socioloxía dos partidos políticos e sindicatos. na formulación da teoría relacional da sociedade as elites constitúen un fenómeno social pluridimensional, que emanan de diferentes mecanismos de selección ou diferenciación, resultando a relación social en si mesma unha forma de selección: esta substánciase non só en termos de exclusión, senón tamén de xeito inclusivo: a capacidade de recoñecer e integrar a sectores cunha posición inferior ou que se conforman sobre bases diferentes. Os sistemas democráticos favorecen a creación e expansión de novas elites, na medida en que a democracia coma forma de goberno e coma concepción cultural reguladora da sociedade está fortemente ligada ao seu xurdimento. a insurrección militar de 1936 supón unha reacción contra as bases da democracia liberal e contra a expansión de dereitos dada no primeiro terzo do século xx. Esta viraxe reaccionaria fica enmarcada claramente na vaga de resposta autoritaria dada na europa do momento á crise do sistema capitalista e da modernidade na súa versión racionalista e democrática: a formulación dun nacionalismo-estatismo que reforza a autoridade do estado sobre o corpo cidadán, limitando os seus dereitos. Este enfoque sitúa o período estudado no tempo dos fascismos. a política de limpeza aplicada polos réximes que se encadran na vaga reaccionaria do período de entreguerras atopa semellanzas coa posta en práctica polo movimiento para o caso español, en canto que reacción antimarxista e antiliberal que despreza as canles de participación e os fundamentos de lexitimidade liberal-democrática; así coma pola decisión de excluír mediante unha política de man dura, aniquilación de estruturas e purga aos líderes do societarismo democrático. Nos principais réximes en que se protagoniza esa viraxe autoritaria ten lugar a persecución e eliminación da esfera pública da oposición, a desmobilización e control con ansias totalizantes sobre a sociedade, manifestándose en procedementos semellantes e facéndose, polo tanto, extensíbeis mesmo a todo tipo de entidades do asociativismo voluntario e de aparente inocuidade ideolóxica. non embargantes, si existen diferenzas salientábeis no diferente papel que xogan para o caso español tanto os sectores organizados en clave autoritaria ou explicitamente fascista (que axían contra conservadores e liberais) coma o exército, cun rol preeminente deste último que non se produce noutros eidos. a destrución da sociedade civil pluralista vai acompañada da conformación do denominado nuevo estado e a súa incidencia sobre o corpo social. Trátase de ver non só en que medida xorden novas elites ou se perpetúan as pre-existentes e con que medios o fan e, ao tempo, que modelo de societarismo se impranta, cales son os seus obxectivos e o seu artellamento. preténdese demostrar que a política de persecución do societarismo que se emprende despois do 18 de xullo de 1936 en galiza supón a creba dese modelo de emerxencia de novas elites e o impedimento da súa reprodución para, por medio da violencia e os mecanismos de persecución desatados contra eses sectores, sentar as bases dun novo modelo de estado que conforma unhas estruturas de encadramento e control que funcionan coma trampolín doutros grupos de poder dos cabe explicar se supoñen algunha novidade ou, en cambio, se deben ao retorno das vellas elites tradicionais. Tamén se tenta ollar cal é o valor que se confire á participación no asociacionismo e a orientación que este ten, na medida en que este novo contexto suporá unha perda do pluralismo intrínseco á democracia liberal. o estudo da cidadanía require, por tanto, un contexto superior ao local no cal se poida identificar dalgún xeito a relación básica do indivíduo co estado. Este contexto materialízase tanto no exercizo coma na reivindicación de dereitos. delimitan temporalmente a investigación presentada os anos 1930 e 1950, encadrando o período histórico correspondente á caída da monarquía e a experiencia da segunda república, o golpe de estado de 1936 e posterior guerra civil e os primeiros anos do franquismo. Mais a proxección do estudo vai máis aló deses lindes cronolóxicos, que ben podían ficar reseñados nun intervalo temporal máis restritivo englobando o mesmo contexto histórico, alén da pretensión de formular unha visión comparativa de dous modelos de sociedade opostos a través de dúas datas nas que se comezan a concretar polo cambio das condicións obxectivas para que sexa así. a nova arquitectura estatal que se crea trala guerra civil sobre unhas bases ideolóxicas totalmente diferentes vai configurando un modelo ditatorial de partido único, organicista e corporativista, baixo a dirección persoal do caudillo francisco franco. No caso galego, esa fase de xestación do novo sistema prodúcese dende o mesmo ano 1936, dado que foi unha das zonas que quedaron baixo o novo poder instaurado polos golpistas xa dende finais de xullo dese mesmo ano. as investigacións realizadas até o de agora adoptaron coma terminoloxía comunmente aceptada para a datación dos primeiros anos do franquismo o concepto de primeiro franquismo para se referir ao período marcado polo contexto de miseria postbélica, racionamento de bens de primeira necesidade, política estatal de autarquía económica e construción dun estado á imaxe dos totalitarismos europeos cos que se establecen relacións diplomáticas estreitas, se ben se mantén a non belixerancia na segunda guerra mundial. este concepto fica desbotado na presente investigación por ser xustamente nestes anos nos que se están a cimentar as bases da consolidación do propio réxime franquista, de tal xeito que o e que vén despois non é outra fase diferente, senón unha necesaria consecuencia daquelas, existindo un continuum na conformación do réxime ao longo dos seus corenta anos de existencia. analízanse as relacións indivíduo-estado na lexislación dos primeiros anos do franquismo, achegándose a elementos definitorios da práctica desas relacións que evidencian a ruptura co modelo cidadán anterior: as primeiras experiencias de participación política e sindical intervidas polo estado a través dos gobernadores civís, do partido único e dos sindicatos verticais que executan ese modelo de democracia orgánica configurado polo novo poder. Por outra banda, no relativo á estrutura de oportunidades, as opcións de participación xurdidas a partir desas bases xa non se encadra no concepto de cidadanía societaria, pois non é admitido nin na teoría nin na práctica o asociacionismo voluntario e libre, establecendo mecanismos para o control das entidades que se poidan crear á marxe do entramado do partido único e colectividades subsidiarias do poder e asentando esa política na persecución das capas máis dinámicas da sociedade civil pluralista, democrática e expansiva que se plasmara no período republicano. as fontes que se empregaron para o presente estudo agrúpanse en tres tipos: ¿ fontes documentais: baleirado do fondo de eleccións arquivo da deputación provincial de lugo (adpl), dos fondos do goberno civil, sección de asociacións e sociedades católicas, fondo aiss, fondo sección femenina, fondo frente de juventudes, fondo da delegación provincial do ministerio de facenda do arquivo histórico provincial de lugo (ahpl); máis as causas militares conservadas no arquivo territorial militar iv (aivrm) e os libros de rexistro de defuncións dos xulgados municipais e de instrución da provincia, estas últimas recollidas de xeito indirecto a través dos datos proporcionados na base de datos en internet do proxecto de investigación interuniversitario nomes e voces. ¿ fontes hemerográficas: principalmente as conservadas na hemeroteca da biblioteca provincial de lugo (hpl) e na hemeroteca da biblioteca xeral da universidade de santiago de compostela (hbxusc). ¿ fonte oral: con carácter secundario, consultáronse entrevistas conservadas no fondo oral do proxecto interuniversitario nomes e voces. o esquema de temas desenvolvidos é o seguinte: i. Introdución ii. Cidadanía: análise conceptual e descrición do obxecto de estudo 1. Cidadanía: definición histórica do concepto e a súa emerxencia coma obxecto de estudo das ciencias sociais 2. Que cidadanía?: Formas e fondo da cidadanía iii. Reclamar e exercer dereitos: construción da cidadanía e papel da sociedade civil na segunda república 3. Expansión societaria e acción colectiva no período republicano 4. Exercizo do voto nos procesos electorais republicanos iv. Destrución da sociedade civil democrática 5. A guerra e a creba do modelo de cidadán republicano: golpe de estado e destrución da sociedade civil 6. As estruturas societarias do franquismo v. Conclusións o desenvolvemento deste esquema dende os datos extraídos permite aportar claves definitorias da análise proxectada inicialmente no presente estudo e aportar conclusións novidosas ou que reforzan o xa apuntado noutros estudos anteriores con temáticas concomitantes. determínanse, para o caso de lugo, fases claramente marcadas de expansión do societarismo voluntario dende a formulación da lexislación liberal de finais de xix até o golpe de estado de 1936: unha inicial que corresponde á plenitude do sistema restauracionista (1887-1917), unha posterior correspondente coa crise do mesmo (1917-1930) e a expansión en período republicano (1931-1936). O intre de crise da restauración representa un boom asociativo (principalmente correspondente aos anos vinte) que evolúe nos anos da segunda república, coma consecuencia da politización que ten lugar nese período, cara a un meirande pluralismo, do mesmo xeito que se extende territorialmente. Así, o nivel de imprantación de todo tipo de colectivos das vilas intermedias increméntase e comezan a ter presenza tamén nas parroquias certas tipoloxías societarias que tradicionalmente se produciran en exclusiva en contextos urbanos; o cal é síntoma da incorporación a eses modelos de participación de grupos subalternos e das clases populares. en canto ás bases sociais actuantes neste contexto, é destacábel tamén a súa heteroxeneidade, tendo un rol sobranceiro as clases medias e profesionais onda labregos e traballadores, que dan lugar a espazos de actuación conxunta entre eles. Esta presenza, nuns casos, é debida á habilidade para a inserción en ámbitos de participación tradicionalmente vencellados a estratos sociais superiores, mentres noutros escenarios son capaces de crear espazos propios alternativos e claramente enfrontados coas elites tradicionais. o protagonismo deses sectores da clase media no liderazgo e conformación do tecido societario fai emerxer unha nova elite que ten a súa principal vía de diferenciación xustamente na participación no asociacionismo voluntario por unha banda e a involucración no mundo da política polo outro. Isto vai forzando ou facendo normal o seu recoñecemento por unha dobre vía: o exercizo activo de dereitos a través do voto e do societarismo e, ao tempo, a reivindicación dos mesmos a través da acción colectiva. a dimensión das formas de asociación voluntaria limita o recurso á acción colectiva, na medida en que a inclusión no corpo cidadán dáse principalmente pola primeira vía e, só de forma moi localizada e en relación con situacións dunha importante polarización social, se recorre a esoutro recurso no caso da provincia de lugo. os grupos sociais que fan parte dos distintos modelos societarios do momento tamén se organizan para incidir no eido institucional, tamén votan, e ese voto garda relación con toda a aprendizaxe e experiencia política que se dá no seo do asociacionismo. Non embargantes, os procesos electorais no período republicano, vanse ver condicionados na provincia de lugo pola forza das opcións centristas e polas redes clientelares, reiteradamente gardando relación un e outro aspecto e representando o poder institucional e económico un activo no desenvolvemento dos procesos electorais. A existencia de espazos de resistencia ou discontinuidade a respecto desta tendenza xeralizada ten que ver coa presenza dun tecido asociativo forte e reivindicativo ou con determinadas influencias persoais de líderes das organizacións republicanas. segue a manifestarse o control do voto e a fraude propio do período restauracionista; mais a existencia dunha competencia plural pon o proceso democrático de votación no centro da atención das forzas políticas participantes, rachando as dinámicas de limitación da participación popular que se reproducían na fase precedente; de tal xeito que as vellas elites restauracionistas se verán forzadas a competir pola hexemonía entre elas e con outros grupos de conformación externa e alternativa a elas. increméntanse, pois, os eidos de incidencia electoral de novas elites emerxentes que acceden a espazos de poder: novas clases medias de influencia principalmente local forxada a través da súa participación no tecido societario, conformando en ocasións unha rede social alternativa que lles permite a competencia cos vellos grupos e, noutros casos, inseríndose nos seus eidos de socialización e conferíndolles heteroxeneidade. o golpe de estado de 1936 e o poder que se instaura coma consecuencia supoñen unha clara reacción contra esa sociedade civil plural e articulada que se está a forxar no primeiro terzo do século e que fora acadando, xa naquela altura, unha dimensión autónoma ao poder político e institucional, conseguindo condicionalo a cada pouco máis. Para isto, foi precisa a destrución e aniquilamento das bases da democracia liberal mediante mecanismos de persecución e eliminación da esfera pública dos seus principais líderes (as anteditas novas elites de base societaria). os mecanismos de persecución postos en práctica polos golpistas desenvólvense en orde a unha serie de criterios para rematar coa pluralidade da sociedade sobre a que se exercen: serán obxectivos desta práctica aniquiladora persoas e colectivos en función da súa ideoloxía, do tipo de asociacionismo (na medida en que confronte ou non coas elites do período restauracionista) e da capacidade de influencia social dos seus líderes e deses colectivos, ben polo seu poder económico ou ben pola súa ascendencia social ou o papel simbólico na comunidade inmediata na que participan. a propia pluralidade que caracteriza a sociedade no período anterior ao golpe determina a heteroxeneidade política, sociolóxica e socioeconómica do colectivo que sufre persecución que, non embargantes, recibe unha violencia selectiva que ten unha finalidade exemplarizante e de sometemento e paralización da poboación polo medo. esta acción aniquiladora foi máis dura nos primeiros anos posteriores ao golpe, e está claramente asociada á lóxica de desarticular á sociedade civil e ás autoridades da democracia republicana, castigando durante os primeiros meses a aqueles que organizaran a resistencia civil ao pronunciamento militar. Ademais, esta violencia fica relacionada coa guerra civil e a evolución das operacións militares, sendo máis virulenta mentres resiste a fronte norte e decaendo considerabelmente nos últimos anos da guerra. a persecución diríxese principalmente contra persoas mozas, que acadan a maioría de idade nos anos vinte e trinta e se socializan nese contexto de expansión societaria que ten lugar neses anos, con participación ou influencia destacada en partidos políticos, sindicatos, sociedades agrarias e entidades do asociacionismo voluntario de diferentes orientacións. Son labregos, traballadores e membros das clases medias (cunha forte presenza dos grupos de funcionarios e profesionais liberais) que acadaran, en boa parte, uns niveis de renda altos e tiñan recursos económicos e relacións sociais consolidadas que lles conferían unha relevancia pública. as estratexias aniquiladoras adquiren un carácter colectivo pola súa intencionalidade atenazadora de calquera movemento de resistencia ás novas autoridades, mais tamén pola vixianza, control, clausura e incautación que se exercen sobre o tecido societario de preguerra. Esta política de sometemento iníciase coa prohibición daquelas entidades con matiz político ou sindical e continúa coa presión e control político sobre aquelas que non fican integradas no entramado oficial que se está a conformar despois do golpe. Esta política de férreo control sobre o societarismo xa tivera un precedente claro na reacción á folga xeral revolucionaria de 1934 e será agora levada ao extremo, consolidada, normativizada e xeralizada durante todo o réxime posterior. mediante estes mecanismos elimínase o poder social acumulado por medio da participación no asociacionismo por aquelas elites emerxentes nese período 1917-1936, as cales serán substituídas por outros grupos que pasan a rexer as institucións e organizacións oficiais do nuevo estado. Estes grupos están constituídos inicialmente cun peso considerábel polas elites restauracionistas e elementos con adscrición política dereitista na fase anterior (profesionais liberais, comerciantes e funcionarios), onda camisas viejas de falange e sectores empresariais que se atopan entre os grandes contribuíntes e que non tiveran participación política previa. Na medida en que avancen os anos corenta este último grupo vai ter progresivamente meirande presenza, se ben as vellas elites conservarán unha destacada capacidade de incidencia. as elites que toman o poder despois do golpe militar canalizan as súas estratexias de diferenciación a través do novo entramado: partido único, sindicalismo vertical e organizacións de encadramento, xogando un papel importante as eleccións sindicais e mailas eleccións municipais por terzos na explicitación e poxa de certos sectores por ocupar o poder. Mais estes procesos, a diferenza dos do período republicano, non se basean na libre competencia e na pluralidade, senón que están determinados dende arriba polo propio sistema, excluíndo taxativamente a quen non se identificaba co movimiento ou tiña un pasado político republicano ou de esquerdas. estes procesos pseudoelectorais de designación de elites son simples trámites nos que os resultados xa están predeterminados, incluso nos casos de concorrencia de varias candidaturas, tendo un férreo control o partido único sobre o proceso. Por outra banda, a condición prefixada destes procesos fai que haxa unha desmobilización importante da masa social con dereito a voto. A fraude constátase coma norma dende o inicio até o final do proceso, determinando un espazo de competencia que non é libre nin igual para todos. Prodúcese unha reciclaxe considerábel de persoal político do período anterior tanto nas xerarquías sindicais coma nos municipios, mais sendo maioría aqueles que nunca ocuparan postos de responsabilidade política antes. en canto ao tecido societario que se conforma xusto despois do golpe de estado, existe por un lado un grupo de entidades que existían previamente e sobrevivirán ao alzamiento, ben pola súa connivencia co bando sublevado ou ben pola súa inocuidade aos ollos das novas autoridades. Por outra banda, estaban as sociedades cunha imbricación institucional, converténdose en importantes activos no proceso de construción do novo réxime. invírtense as dinámicas que se estaban a proxectar contra o final do primeiro terzo do século: prodúcese, por unha banda, unha re-centralización do entramado societario, tendo cada vez máis importancia a capital da provincia e as principais cabeceiras comarcais. Por outra banda, a participación das mulleres amosa unha clara regresión, pois se ben a súa presenza na esfera pública era aínda cativa nos anos trinta malia os avanzos legais acadados, deixan de compartir eidos de organización con homes, tendo restrinxidas as canles de participación a determinadas actividades auxiliares complementarias da función principal que lles designaba o réxime coma nais asignadas ao espazo do fogar. En terceiro lugar, prodúcese unha re-elitización que afasta as clases populares de postos directivos nas sociedades que se constitúen. a focalización sobre as relacións entre os diferentes colectivos implicados nese proceso vai determinar a sorte do mesmo e da evolución posterior en función de como se produciran esas relacións en función de estratexias diverxentes ou confluíntes. Isto explica a expresión transicional dos conflitos sociais entre vellas e novas formas de mobilización e resposta social; así coma dos procesos electorais na segunda república. O mesmo ocorre coa resposta desigual ao golpe de estado e a meirande ou menor persecución exercida por parte dos novos poderes, en función de se representaran a capacidade de crear algo alternativo aos grupos tradicionais de poder ou non. Do mesmo xeito, o grao de integración nas estruturas xerárquicas do nuevo estado ou no asociacionismo consentido por este de indivíduos e grupos con antecedentes ligados á democracia liberal anterior tamén se explica por estas condicionantes.

 

Datos académicos de la tesis doctoral «Construción e destrución da cidadania societaria: dinámica social e política da provincia de lugo na ii república e nos primeiros anos do franquismo (1930-1950)«

  • Título de la tesis:  Construción e destrución da cidadania societaria: dinámica social e política da provincia de lugo na ii república e nos primeiros anos do franquismo (1930-1950)
  • Autor:  Antonio Somoza Cayado
  • Universidad:  Santiago de compostela
  • Fecha de lectura de la tesis:  11/03/2011

 

Dirección y tribunal

  • Director de la tesis
    • Lourenzo Fernández Prieto
  • Tribunal
    • Presidente del tribunal: ramon Villares paz
    • Juan Luis Pan-montojo gonzález (vocal)
    • Antonio Herrera gonzalez de molina (vocal)
    • Carlos Forcadell alvarez (vocal)

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio